Thursday 25 de April de 2024

O Ciclo da Xunta ” O País das Bandas” chega o martes a Melide coa Unión Musical Ponteledesma


A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade

O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o martes 17 a Melide cun concerto da Unión Musical Ponteledesma. A actuación será ás 12,30 horas na Praza do Cantón.

Esta formación nace en 1987 con 30 alumnos e na actualidade está formada por 60 compoñentes. Ten editados tres traballos discográficos e conta cun centro de formación musical integrado na Escola Municipal de Vila de Cruces, con máis dun cento de alumnos que alimentan a súa banda xuvenil e garanten o seu futuro

Con Miguel Rodríguez Barrio como director, o programa do concerto inclúe os temas Puenteareas, Marcha eslava, Airiños aires e The legend of Maracaibo. Soarán tamén La leyenda del beso, Ghalleghadas, Feiticeira, Agárrate saxo e Muiñeira dos pendellos.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.